Emogramas

17/5/1998

Non chegarás nunca a ver

Tema: T

Non chegarás nunca a ver
o que diante de ti está
porque pechas os ollos ademais do peito.
¿Tanto che doería recoñecer que é posible tanta beleza,
unha beleza tan dramática e tan noble?
¿Tanto tremerían as túas murallas?

[T]. Idus de Maio

Tema: T

.I.
Naquel serán especial,
coa néboa cubrindo a cidade
e a emoción que saía dos corazóns
tinxindo a xente e as rúas,
probei a botar os dados
e repetir a chamada na túa porta.
E -¡o que che son as cousas!-
abriches un chisco
e estivemos case tres horas
bebendo das nosas almas.
¡Tanto tiña pedido, agardado e sufrido..!
e agora cando xa non esperaba ningún xesto de ti
concedíchesme o encontro
(esmola para un adorador, a deusa que se digna baixar).
E agora, o día despois, eu pregúntome:
¿Que encontrei? ¿Que encontraches?
ti encontraches a confirmación
da tremenda imaxe que xa tiñas de min
-non sei se a cheguei a matizar nun sentido positivo-
e eu encontrei
unha terca incredulidade
diante das miñas verdades máis fundamentais;
unha risada defensiva
cando te rozaba unha chave emocional;
unha ollada de pedra
cando preguei pola flor que tes pechada dentro;
uns consellos grises
para un espíritu branco,
vendas que non quero
para as feridas que agarimo.
Mais non encontrei en ti
-como eu quería- quen querer.
(Ogallá o atopemos cada un pola nosa banda, ¿non si?)

.II.
Que mude, disme.
Que a trasparencia acaba por non servir,
que non se cre (eu pensaba que como moito, asustaba).
Que ter o corazón tan grande
é peor que o ter pequeno.
Que ninguén pode querer
a quen a todas quere.
¡Pero non te podes dar conta do que me pides!
¡¿Aconséllasme a morte?!
Porque se deixo de ser quen son,
quen agora son, morto será.
E non quero morrer,
nin deixarlle a miña vida a un ser novo.
¿Daste conta, muller?
Ou, ¿é que ti o ves tan fácil?
Daquela estamos máis lonxe do que din as sinais.
           Nin a lingua que eu amo aprecias ti, malia ser túa.
           Nin a loita pola verdade e polo amor desesperado che son gratas bandeiras.
¡Que tolemia terte desexado!
¡Que pouca sintonía entre almas e corpos!
Pero -oh, divina comedia- unha palabra túa
e estaría rendido aos teus pes. E ti o sabes.
¡Opaca muller, burato negro!

3/2/1998

Lóstrego que queima e acende a noite

Tema: T, Rch

.I.
A decepción sabe a terra:
caes das nubes e dás cos fociños nela.
Érgueste doído e sacudes o pó.
E miras ó redor.
¿De onde partiu o mísil esta vez?
¡Ai, amigos! ¡Ai, praceres! ¡Ai, fidelidade!
Non importa pero si que importa.
As conclusións que sacas
son comas os morados que fas ó caeres.
¡E eu parece que che vou para cardenal!
¡Mira que sempre acabo por terra..!,
pero a terra son eu tamén,
tanto coma o ceo.
Os corazóns espidos sonche propensos ás infeccións
sobre todo se os collen as porcas mans dun amigo.

.II.
Non sei qué ha saír de min
cando a vexa, nin cando os vexa a todos xuntos:
traidor, fermosa e coro
(deliciosa escena de tensión cómica).
Sonche trasparente, non teño pel,
así que o máis fácil será que trone a modo
calquera noite de sábado.
Pero eses tronos serán a risada áceda
dos deuses que espertan
ó final do enésimo acto,
sacudindo a lama deles,
amosando as vellas cores resucitadas,
e cantando os nomes das ilusións,
eco dunha terra interior fertilmente ferida.
Fanme tropezar pero non caio.

.III.
Gracias por reducir o teu peso específico.
Canto menos lastre, mellor.
Danme gañas de me soltar de todos vós,
pero aínda non é o tempo.

.IV.
Non foi o qué, que foi o cómo.
Vexo que a túa moral e maila miña
non fan boas migas, amigos.
¡Ai, que enganados vivimos!

.V.
Non podo loitar doutra forma:
racho a pouca pel que me cobre diante dela,
pero ela volve a cabeza
e bica un fermoso sobre-sorpresa que pasaba por alí.
Non teño outra escopeta
que amosar o que son, abrir este feo peito
e pregar por que alguén se pare
e meta a man nel.
…E o meu engado non engana.

.VI.
Non che abondaba coas túas historias e historietas
que tiveches que vir arrincar a única e raquítica esperanza que eu tiña?
Non o esperaba de ti. E logo, ¿que esperabas?
¡Xa non lembraba cánto alimenta o despeito!

11/1/1998

Sabes que estou gastando contigo

Tema: T

¿Sabes que estou gastando contigo
as derradeiras forzas, as derradeiras balas?
Xa estou moi canso, moito.
Estou sempre a piques de caer.
E é a túa mao a que procuro, muller,
cando escorrego á beira do meu abismo:
¡polo menos mira para min, carallo!

31/12/1996

Si, [T], vas morrer

Tema: T

Si, [T], vas morrer.
Non che gosta escoitalo
pero é algo que non podes evitar
pechando as orellas.
Eu lémbrocho
coa miña mofa existencial
e a ti paréceche macabra:
eu soamente son o vento da verdade
que bate contra as túas ventás renegridas
coa súa canción de lobo
mais non para trae-lo medo
senón para que penses cánto val o que tes,
cánto val a vida
cando sabes que has morrer.






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here