Levaches o teu calado e ledo sorriso
Levaches o teu calado e ledo sorriso
a se vender
nunha feira obscena
a cambio dunha coexistencia
de submisión no estómago de Saturno.
Levaches o teu calado e ledo sorriso
a se vender
nunha feira obscena
a cambio dunha coexistencia
de submisión no estómago de Saturno.
Baleirado novamente de ti
espertado de súpeto
do soño dunha miragre posible
estoupan coma unha super-nova
a cámara lenta
os queimados fragmentos de min
resucitados demasiado tarde.
Mañá has estar
ao borde da bágoa,
baleira, amputada.
Eu deberei calar
os reproches,
os matices
e comentarios críticos
ao meu cruel e inoportuno estilo.
Porque será
o que menos precises.
E non quero que me odies
por non te saber querer.
Así que heite querer,
xa sabes.
Aínda que odie que non saibas
as cousas, cómo deberían ser.
Quero pensar
que has ter sorte con el,
que por fin atopaches
quen te mereza.
Non quero pensar
que ides vivir xuntos,
terdes un fillos,
e un mal día,
cando el te deixe de amar
e se lle cruce outra,
que te vai mentir:
vamos,
xusto o que está a facer
desque te coñece.
Bágoas dobremente subterráneas.
A dor berra por saír,
brotar coma un geiser fervente,
aquí baixo centos de toneladas
de roca e ferro,
de contundente constatación do fracaso,
de ferruxe de vinte-catro anos de soños baixo a terra.
Enterrado pola luz
que te vin desprender
cando ollabas para el,
unha luz tan intensa
que deixou gravada
a miña sombra no chan
tan negra coma aquelas de Hiroshima.
E xa nada separa a sombra de min,
monta comigo no vagón
no que seica monto,
zombi como vou,
e araña paseniño o reflexo
na xanela escura
da miña ollada, que agacha un río,
unha dobre fonte soterrada
que mana da tristura resucitada de non te ter.
Facedes boa parella?
Pois o certo é que… non o sei.
Tíñavos alí diante,
da outra beira da mesa
na cafetería.
E víao a el
e víate a ti,
pero a miña mente
negábase a vos ver en conxunto:
no punto de unión
(das vosas mans,
das vosas olladas)
había coma unha fenda,
un espazo baleiro,
en branco,
como nesas fotos
que rachan nas películas.
Agora estarás con el.
Nos seus brazos.
Fitando para el.
Ríndolle todo canto di.
Faćendolle os teus mellores aloumiños.
Acochándoo na túa pel.
E eu aquí, namentras,
velando en soidade
unha tonelada de armas enferruxadas.
Quero limpar o medo
e non podo.
Quero traer de novo
a canda nós
a salvaxe ledicia dun novo sexo.
Pero temos que agardar
a escoitar a gadaña
caer no chan a carón noso.
Fíxenche chorar
e ti apertáchesme.
Equivoqueime
e ti loubáchesme.
Aferrei con forza
o teu corazón por min ferido
e procurei ese sorriso desaparecido
debaixo da preocupación
que caera sobre nós
coma unha noite inesperada,
coma unha badalada a morto
no medio dunha festa.
Pode a miña vida
rematar agora
que irei para alá
cun sorriso
feito da lembranza
destes días contigo.
Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here