Emogramas

2/6/2007

As coincidencias

As coincidencias
son as cóxegas
que nos fai o Universo.

14/3/2007

Podes chamarme cruel

Podes chamarme cruel
pero se alguén ten que perecer
esmagado polas miñas debilidades
prefiro que sexan
esas baleiras amizades
que me abandonaron a elas.

12/3/2007

Achégome pasiño a pasiño

Achégome pasiño a pasiño
bailando de costas
ao precipicio,
facendo caso omiso
dos sinais de perigo
que eu mesmo puxen
no camiño.

7/9/2006

Depresión

Depresión,
musa terrible da Desesperación,
eu invócote.
Súcubo do orgasmo sanguiñento,
dame un segundo de esquecemento
a lévate outra libra da miña carne.

23/7/2006

A vida quere que nos rindamos

A vida quere que nos rindamos
á morte
e araña coas súas unllas de bruxa
no encerado onde tentamos
escribir o noso tempo.
Deus caga
enriba de nós
as súas aleatorias bostas.
Pero nós resistimos
polo único,
poderoso
e absurdo obxectivo
de levar a contraria.

13/7/2006

A indignación

A indignación
e a frustración
quéimanme nas veas
coma gasolina
con sulfúrico.

12/7/2006

Quedei sen a auga que me sostiña

Quedei sen a auga que me sostiña
e varado nesta praia
agardo a que o tempo
e a miña propia masa
me afoguen.

15/6/2006

(R)evolución ou morte

Moverse para medrar.
Evoluir para non morrer.
Fuxir da enfermidade
do estancamento.
Desenferruxar
os mecanismos internos do soño.
Marchar. Mudar. Adaptarse.
E sobrevivir.

A dor xorda

A dor xorda
pareu unha musa muda
que me tapa a cabeza
cun saco estilo Guantánamo
atado cunha cinta adhesiva
na que escribe un número
que non podo ver.

11/6/2006

Na miña torpe

Na miña torpe
e indecisa fuxida
desta sórdida prisión
sempre confundo o camiño
e remato volvendo
ao punto de partida.






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here