Bágoas dobremente subterráneas
Bágoas dobremente subterráneas.
A dor berra por saír,
brotar coma un geiser fervente,
aquí baixo centos de toneladas
de roca e ferro,
de contundente constatación do fracaso,
de ferruxe de vinte-catro anos de soños baixo a terra.
Enterrado pola luz
que te vin desprender
cando ollabas para el,
unha luz tan intensa
que deixou gravada
a miña sombra no chan
tan negra coma aquelas de Hiroshima.
E xa nada separa a sombra de min,
monta comigo no vagón
no que seica monto,
zombi como vou,
e araña paseniño o reflexo
na xanela escura
da miña ollada, que agacha un río,
unha dobre fonte soterrada
que mana da tristura resucitada de non te ter.
