Emogramas

28/12/2005

Estado civil: fracasado

Tema: PB

Hoxe deime conta
de súpeto
de que era un “fracasado”.
Si, sono
porque fracasei contigo.
Porque o noso
ao final
non funcionou.
Así que pódeseme poñer
esa etiqueta
que tanto usan os ianquis:
“I’m a loser, baby,
so why don’t you kill me?”
Agora son un excluido da vida en parella,
un marxinado emocional,
un menino da rúa Soidade,
un sen-teito desfiuzado do teu corpo,
un parado sexual,
sen crédito nin domicilio coñecido en muller algunha,
un perdedor do teu xogo.

3/12/2005

Eu sempre digo

Eu sempre digo
que ben está o que ben remata.
E agora isto non está a rematar nada ben.
Neste intre longo e mesto da miña vida
todo soa a portas que se pechan,
todo son trens que marchan
(sen min),
todo é cheiro
a podremia
da que non dou fuxido,
cousas que morren a redor de min
namentras eu fico parado.
A miña cabeza soña
con ir nalgún deses trens,
en abrir algunha porta
longo tempo pechada,
soña con chaves e billetes
e con aire novo e frío
que leve lonxe tanta miasma,
con auga,
con movemento,
con muíños de vento
e risadas
de novo vivas
pintando horizontes.

Querer/odiar/saber/ser

Tema: MMK

Mañá has estar
ao borde da bágoa,
baleira, amputada.
Eu deberei calar
os reproches,
os matices
e comentarios críticos
ao meu cruel e inoportuno estilo.
Porque será
o que menos precises.
E non quero que me odies
por non te saber querer.
Así que heite querer,
xa sabes.
Aínda que odie que non saibas
as cousas, cómo deberían ser.

O miragre da trasmutación dos deshonestos

Tema: MMK

Quero pensar
que has ter sorte con el,
que por fin atopaches
quen te mereza.
Non quero pensar
que ides vivir xuntos,
terdes un fillos,
e un mal día,
cando el te deixe de amar
e se lle cruce outra,
que te vai mentir:
vamos,
xusto o que está a facer
desque te coñece.

Bágoas dobremente subterráneas

Tema: MMK

Bágoas dobremente subterráneas.
A dor berra por saír,
brotar coma un geiser fervente,
aquí baixo centos de toneladas
de roca e ferro,
de contundente constatación do fracaso,
de ferruxe de vinte-catro anos de soños baixo a terra.
Enterrado pola luz
que te vin desprender
cando ollabas para el,
unha luz tan intensa
que deixou gravada
a miña sombra no chan
tan negra coma aquelas de Hiroshima.
E xa nada separa a sombra de min,
monta comigo no vagón
no que seica monto,
zombi como vou,
e araña paseniño o reflexo
na xanela escura
da miña ollada, que agacha un río,
unha dobre fonte soterrada
que mana da tristura resucitada de non te ter.

Facedes boa parella?

Tema: MMK

Facedes boa parella?
Pois o certo é que… non o sei.
Tíñavos alí diante,
da outra beira da mesa
na cafetería.
E víao a el
e víate a ti,
pero a miña mente
negábase a vos ver en conxunto:
no punto de unión
(das vosas mans,
das vosas olladas)
había coma unha fenda,
un espazo baleiro,
en branco,
como nesas fotos
que rachan nas películas.

2/12/2005

Agora estarás con el

Tema: MMK

Agora estarás con el.
Nos seus brazos.
Fitando para el.
Ríndolle todo canto di.
Faćendolle os teus mellores aloumiños.
Acochándoo na túa pel.
E eu aquí, namentras,
velando en soidade
unha tonelada de armas enferruxadas.






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here