Entropía, 2ª parte (ou dS > dQ/T )
O (meu) esforzo pode termar do (teu) amor,
pero amarte non abonda
para que te esforces.
A cantidade total de enerxía
implícita no amor
tende a trasformarse
nalgo cada vez menos útil
para o cambio.
E así foi contigo
de tal xeito que aos seis anos e medio
por moito que te amase
xa non podía conseguir
que cambiases.
E de feito comezaches a reverter
a un estado anterior.
O noso afastamento
é un proceso irreversible:
a entropía do estado actual
é maior cá do estado previo.
O grao de desorde
do sistema que formabamos
aumentou.
Estaba demasiado illado?
Precisamente, non abondo:
velaí o paradoxo
da nosa termodinámica afectiva.
