Gol da entropía
A eterna loita
contra a entropía
non se limita
ao entorno vital
onde facemos de Sísifos
limpando e limpando o po
que mañá ha estar de novo aí.
Non.
Veño de descubrir
que tamén na alma dun,
despois de moito traballar
e investir sufrimentos
por formar unha parella,
vense todo abaixo
como un castelo de naipes
e hai que comezar de novo
con baralla nova.
E non se pode un
deixar vencer
polo desánimo,
polo po que volve aparecer
cubrindo unha vida,
unha esperanza,
que hai que comezar outra volta
a axeitar.
Casa de partida.
Contador a cero.
Punto para a entropía.
