E tiña que ser
E tiña que ser
unha muller
quen me devolvera a forza.
Unha Dama do Lago
que me ofrece de novo
a miña espada
tanto tempo gardada,
esquecida,
botada no fundo
dun amor errado.
E tiña que ser
unha muller
quen me devolvera a forza.
Unha Dama do Lago
que me ofrece de novo
a miña espada
tanto tempo gardada,
esquecida,
botada no fundo
dun amor errado.
Ten coidado
cando movas as ás,
meu anxo,
non fagas ruído.
Non sexa que acorde
e descubra que non estás.
O malo de sentir
a parella
como parte dun mesmo
é que a separación
vívese como unha amputación,
hemorraxia
e sensacións pantasmas incluidas.
O (meu) esforzo pode termar do (teu) amor,
pero amarte non abonda
para que te esforces.
A cantidade total de enerxía
implícita no amor
tende a trasformarse
nalgo cada vez menos útil
para o cambio.
E así foi contigo
de tal xeito que aos seis anos e medio
por moito que te amase
xa non podía conseguir
que cambiases.
E de feito comezaches a reverter
a un estado anterior.
O noso afastamento
é un proceso irreversible:
a entropía do estado actual
é maior cá do estado previo.
O grao de desorde
do sistema que formabamos
aumentou.
Estaba demasiado illado?
Precisamente, non abondo:
velaí o paradoxo
da nosa termodinámica afectiva.
Estou rodeado
de xente pusilánime
atrapada en xaulas
que eles mesmos construiron.
“How you gonna ever find your place
Running in an artificial pace”
(Gin Blossoms (”Follow you down”)
Non quero ser cómplice
na túa autodestrución.
Xa levo culpa de abondo
por che ter tolerado tanto.
Non podo cambiar o noso pasado.
Tampouco o teu futuro,
pero si o meu.
Adeus, [PB].
Hei estar aquí
pero xa nunca máis
esperando por unha persoa
que nunca quixeches ser.
Leva contigo
dunha vez
estas cinzas
que manchan
a miña vida
co teu recordo insepulto.
Méteme
os teus longos dedos na boca.
Prometo non te trabar
se me axudas
a vomitar esta prea
que levo dentro
dun amor que apodrece.
A eterna loita
contra a entropía
non se limita
ao entorno vital
onde facemos de Sísifos
limpando e limpando o po
que mañá ha estar de novo aí.
Non.
Veño de descubrir
que tamén na alma dun,
despois de moito traballar
e investir sufrimentos
por formar unha parella,
vense todo abaixo
como un castelo de naipes
e hai que comezar de novo
con baralla nova.
E non se pode un
deixar vencer
polo desánimo,
polo po que volve aparecer
cubrindo unha vida,
unha esperanza,
que hai que comezar outra volta
a axeitar.
Casa de partida.
Contador a cero.
Punto para a entropía.
Medo á miña soidade,
medo á túa destrución.
Noxo dos teus feitos,
das túas mentiras,
do que queira que leves dentro
e que te move,
das compañas que procuras,
do tempo que perdes,
da túa fedente amoralidade,
da túa total falla de principios,
do teu nulo valor,
da túa procurada inconsciencia.
E así e todo…
Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here