Miña doce dona
Miña doce dona.
A única persoa
que vive en min
e non son eu.
E virá o demo
e levarame onde ti non existes.
E levarame a man,
o brazo e o corpo todo,
pero hase foder o cabrón,
que a alma non ma leva.
A alma deicha a ti
e tela gardaba nunha caixa
que ninguén poderá nunca abrir.
Chegaches
cando xa non te esperaba ninguén.
Cando xa case arderan todos os barcos,
cando as bandeiras,
rachadas, xacían cobertas de lama
nos campos da derrota.
Cando fuxiran xa
os derradeiros heroes,
e non ficaban en pé
máis de catro feridos,
os resistentes da triste ollada,
as espadas escachenadas
nas súas mans trementes.
Entón foi cando chegaches
e trouxeches a Victoria,
de lonxe e a modiño como o amencer…
Case nin peso.
As miñas pernas
lévanme lixeiras,
case podo voar.
Non teño peso
pero son todo forza.
Quero abrir os brazos
e deixarme levar
por este vento invisible
que manda a túa mente semi-inconsciente
e que eleva do chan.
Ti es a moura que atopei
nun recuncho do camiño
que sentada esperaba
sen saber que me esperaba.
Non peches os ollos.
Non tapes as orellas.
Non peches a boca.
¡Observa!
¡Escoita!
¡Berra!
Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here