Emogramas

17/5/1998

[T]. Idus de Maio

Tema: T

.I.
Naquel serán especial,
coa néboa cubrindo a cidade
e a emoción que saía dos corazóns
tinxindo a xente e as rúas,
probei a botar os dados
e repetir a chamada na túa porta.
E -¡o que che son as cousas!-
abriches un chisco
e estivemos case tres horas
bebendo das nosas almas.
¡Tanto tiña pedido, agardado e sufrido..!
e agora cando xa non esperaba ningún xesto de ti
concedíchesme o encontro
(esmola para un adorador, a deusa que se digna baixar).
E agora, o día despois, eu pregúntome:
¿Que encontrei? ¿Que encontraches?
ti encontraches a confirmación
da tremenda imaxe que xa tiñas de min
-non sei se a cheguei a matizar nun sentido positivo-
e eu encontrei
unha terca incredulidade
diante das miñas verdades máis fundamentais;
unha risada defensiva
cando te rozaba unha chave emocional;
unha ollada de pedra
cando preguei pola flor que tes pechada dentro;
uns consellos grises
para un espíritu branco,
vendas que non quero
para as feridas que agarimo.
Mais non encontrei en ti
-como eu quería- quen querer.
(Ogallá o atopemos cada un pola nosa banda, ¿non si?)

.II.
Que mude, disme.
Que a trasparencia acaba por non servir,
que non se cre (eu pensaba que como moito, asustaba).
Que ter o corazón tan grande
é peor que o ter pequeno.
Que ninguén pode querer
a quen a todas quere.
¡Pero non te podes dar conta do que me pides!
¡¿Aconséllasme a morte?!
Porque se deixo de ser quen son,
quen agora son, morto será.
E non quero morrer,
nin deixarlle a miña vida a un ser novo.
¿Daste conta, muller?
Ou, ¿é que ti o ves tan fácil?
Daquela estamos máis lonxe do que din as sinais.
           Nin a lingua que eu amo aprecias ti, malia ser túa.
           Nin a loita pola verdade e polo amor desesperado che son gratas bandeiras.
¡Que tolemia terte desexado!
¡Que pouca sintonía entre almas e corpos!
Pero -oh, divina comedia- unha palabra túa
e estaría rendido aos teus pes. E ti o sabes.
¡Opaca muller, burato negro!

Comentarios »

A URI ao TrackBack dste poema é: http://emogramas.blogsome.com/1998/05/17/t-idus-de-maio/trackback/

Non hai ningún comentario aínda.

RSS dos comentarios deste poema.

Deixa o teu comentario

Saltos de liña automáticos, os e-mails non se amosarán, permete HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <code> <em> <i> <strike> <strong>



Medida anti-robots: por favor escribe o código que che aquí se che amosa.






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here