Emogramas

11/2/1998

Tres anos xa

Tres anos xa…
Tres anos que ando vagando
pola seca terra.
Tres anos que levo
bebendo o meu fel,
bebendo morte
por non morrer.
¿U-lo oasis agora?
Ficou atrás, tres anos atrás.
E xa non hai volta.
Soamente queda ser estatua de area,
duna sen forma,
camiñante no deserto.
Seco e só.

3/2/1998

Lóstrego que queima e acende a noite

Tema: T, Rch

.I.
A decepción sabe a terra:
caes das nubes e dás cos fociños nela.
Érgueste doído e sacudes o pó.
E miras ó redor.
¿De onde partiu o mísil esta vez?
¡Ai, amigos! ¡Ai, praceres! ¡Ai, fidelidade!
Non importa pero si que importa.
As conclusións que sacas
son comas os morados que fas ó caeres.
¡E eu parece que che vou para cardenal!
¡Mira que sempre acabo por terra..!,
pero a terra son eu tamén,
tanto coma o ceo.
Os corazóns espidos sonche propensos ás infeccións
sobre todo se os collen as porcas mans dun amigo.

.II.
Non sei qué ha saír de min
cando a vexa, nin cando os vexa a todos xuntos:
traidor, fermosa e coro
(deliciosa escena de tensión cómica).
Sonche trasparente, non teño pel,
así que o máis fácil será que trone a modo
calquera noite de sábado.
Pero eses tronos serán a risada áceda
dos deuses que espertan
ó final do enésimo acto,
sacudindo a lama deles,
amosando as vellas cores resucitadas,
e cantando os nomes das ilusións,
eco dunha terra interior fertilmente ferida.
Fanme tropezar pero non caio.

.III.
Gracias por reducir o teu peso específico.
Canto menos lastre, mellor.
Danme gañas de me soltar de todos vós,
pero aínda non é o tempo.

.IV.
Non foi o qué, que foi o cómo.
Vexo que a túa moral e maila miña
non fan boas migas, amigos.
¡Ai, que enganados vivimos!

.V.
Non podo loitar doutra forma:
racho a pouca pel que me cobre diante dela,
pero ela volve a cabeza
e bica un fermoso sobre-sorpresa que pasaba por alí.
Non teño outra escopeta
que amosar o que son, abrir este feo peito
e pregar por que alguén se pare
e meta a man nel.
…E o meu engado non engana.

.VI.
Non che abondaba coas túas historias e historietas
que tiveches que vir arrincar a única e raquítica esperanza que eu tiña?
Non o esperaba de ti. E logo, ¿que esperabas?
¡Xa non lembraba cánto alimenta o despeito!

Cando nin os amigos saben escoitar

Tema: Rch

Cando nin os amigos saben escoitar
…¿para que falar?

Non me volver deitar nesta terra

Tema: Rch

Non me volver deitar nesta terra
agora que a olín feder a cadáveres.

Hipócrita pantasma

Tema: Rch

Hipócrita pantasma
sombra dun amigo
…¡quero unha machada
para derrubar a túa imaxe!






















Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here